Noz

Nuez

Non a de Adán. Xa sabemos que as noces son o froito das nogueiras que viñeron (as trouxeron) de Persia, a carón do Himalaia, e chegaron a nós polo Mediterráneo adiante. Dende Pedrafita a Becerreá, e por toda a montaña do leste galego, a nogueira é a raíña das árbores. O castiñeiro é “totémico” a pesares de ser un vexetal.

A nogueira é unha yunglandácea, e a nosa é a “yuglans regia” que ten flores femias e flores machos, xuntas no mesmo pé. Xa que logo, non son dioicas, coma o kiwi (chamémoslle actinidia en galego), no que un pé macho atende a media ducia longa de femias. Sorte que ten.

O de “yuglans” venlle do latín, no que ten o siñificado, ó tempo, de noz e de nogueira.

Baixando de Pedrafita topamos co envellecido Concello de As Nogais que ten unha parroquia chamada Noceda, e coido que por algo existen eses topónimos. En Ourense temo-lo Concello de Nogueira de Ramuín, a patria dos afiadores e paragüeiros. E non esquezamos Negueira de Muñiz, en Lugo, que o fixeron Concello (estremándoo da Fonsagrada) o ano en que eu nacín.

Das catro especies de “yuglans” cultivadas: regia (a nosa e do resto de Europa), cinerea, nigra e californica, a primeira é a máis saborosa e ricaz. A imposta polo “marketing” dos EE.UU., a yuglans californica, é un pouco máis grande pero é seca, sen a cantidade de aceite que teñen as nosas e que tan ben sabe e senta (parello ó de oliva). Coido que a californica, ó masticala, parez que enche un pouco a boca de palla.

A madeira preciosa da nogueira, recoñecida como a máis atractiva e de mellor calidade do mundo, ten o incomenente de que tarda moito en facerse (da orde de cen anos), e iso non atrae ós repoboadores particulares namentras existan rápidos eucaliptos e piñeiros. Non pensan nos fillos e, moito menos, nos netos.

E cometen un erro, porque se tivera disculpa o egoísmo de non traballar para os que veñan, iñoran que eles mesmos, en oito anos, comezan a amortizar axiña os investimentos dunha plantación ben feita, por mor das noces que xa poden recoller en cantidade e calidade. As nosas nogueiras florescen na pimavera e comezo do vrán. Para o mes de febreiro xa podemos mercar noces.

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio