glGalego esEspañol

cocido-aderafael-00Cocidos hai moitos. Bos, algúns. Espectaculares, moi poucos, aínda que cada un de nós ten a súa selección e clasificación.

En temas de cocido, cada un ten as súas preferencias e ránkins. Na miña, o cocido que se fai en Casa Lodeiro, A de Rafael é espectacular! Un discreto bar e casa de comidas en Gres – Ponteledesma (Vila de Cruces) é do mellor dos que teño probado. Xa é a terceira vez que o fun probar e levounos aló, de novo, o amigo Suso, cun padal exquisito e que che sabe de moitos sitios coma este. No antroido falouse de facer unha larpeirada gastronómica antes de rematar o inverno… e feito! Este xoves, cinco de marzo, decidimos achegarnos seis amigos das paparotas ata Gres a probar este cocido con moita sona en Santiago. Todo axudou, ata o día soleado que animaba a sair a desfrutalo… Perfecto para un cocido!

Como dixen, é o terceiro ano consecutivo que vou e creo que imos ter que instaurar todos os anos por estas datas o día do cocido na de Rafael, pois non se pode perder este xantar espectacular.

Espectacular por moitos motivos. O primeiro, a gozosa compaña de seis na mesa comendo sen presas. O segundo, a impresionante calidade dos produtos. O terceiro, as coccións, perfectas, servidas sen presa ningunha. O cuarto, os postres, tan importantes (ou máis) para Casa Lodeiro que o propio cocido. Pero imos por partes. E vaia partes!

Sopa ou/e caldo do cocido con anaquiños de cabaza, pataca, grelos… do que dan gañas de repetir, se non temeras polo que vai vir logo…

Para continuar, e antes de meternos en fariña, croquetiñas de cocido quentes, con roxóns en toradas ben xeitosas.
Logo, fontes con chourizo clásico e garbanzos. Fontes con chourizo ceboleiro e castañas cocidas no caldo.
Filloas de tixola.
Fontes de patacas e grelos.
Fontes de carne branca (polo e cucho).
Fontes de carne de porco, salgada: costela, lacón, a excelente cacheira…
todo ben cortadiño para non dubidar na escolla da peza. Cómelle o negro, instrúenos Carliños sinalando o interior da cacheira, onde se concentra o millor do sabor do porco.

Na de Rafael o cocido non se anda con historias. Aquí ademáis do porco, hai vacún, e polo, non hai que esquecerse que estamos na terra do Galo de curral! Pouco a pouco fomos dando boa conta do cocido, acompañado de viños de Barrantes e mencía, pero moitos, os veteranos, coa reserva de poder degustar o que vai vir, que non é menor.

O arsenal doce que nos puxeron sobre a mesa deulla ao xantar un final espectacular: unha batería de postres, unha bomba doce certamente calórica::
Queixo e marmelo, melindres, algunha tarta caseira de queixo e de frambuesa e unhas deliciosas filloas quentes, recheas de crema, caramelizadas na tixola.

Aproveitando a espectacularidade do día, decidimos rematar o xantar na terraza, cuns cafés e chupitos variados.

O cocido de Casa Lodeiro, con viño, cafés e licores custounos 26 euros. Hai que reservar en fins de semana con máis dunha semana de antelación. Pola semana tamén o preparan o cocido para grupos, pero para un mínimo de dez persoas.

A sorte para nós, é que esta casa está nun entorno ben chulo, á beira do río Ulla correndo nesta época do ano, e agradécese, despois desta enchenta, dar un paseo pola súa beira, pola ponte do XVI, polas Illas de Gres entre as correntes do río, ou pola cercana igrexa de San Salvador de Camanzo, que aconsello ir ver en agradable paseo, e que o corpo agradecerá. Ata o ano que ven!

glGalego esEspañol

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies