esEspañol enEnglish

Indicación Xeográfica Protexida



A androlla, que así chaman nalgures á tripa grosa do porco, é o nome dun embutido gorentoso que lembra ó botelo ou botillo de El Bierzo, e verdadeiramente, o mexunxe co que se enche a tripa grosa para face-la androlla, é practicamente o mesmo que o que se usa para face-lo botelo, agás que para este non se usa a tripa senón o estómago do porco. Ademais, a miudo, engádese á androlla un pouco dos bofes.

Din que a androlla, da que se celebran festas rachadas, inventouna hai dous mil anos, cen máis, cen menos, un galego ourensán do Bolo chamado Petrus Petri (que recende a latín), de aí que algúns, na súa lembranza, chamen Pedro Prez a este embutido.

A androlla se presenta en tripas de ata trinta centímetros de longo e sete de grosor, afumada na lareira coma se fora un chourizo, e rechea de cachos de costelas con carne, anacos de touciño (coiro), un pouco de bofes, e todo elo sazonado co sal, pimento doce e picante (que fai moita falla), e allo na xusta medida para non destraga-lo sabor tan particular da androlla. Ás veces bótaselle tamén cebola. Despois correspóndelle pasar uns dez días ó fume da lareira e perto d un par de meses penduradas do teito da cociña para amadurecer, e xa temo-lo embutido feito, de cor vermella escura que berra que xa podemos comelo.

Se chegamos a tempo.

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002
.

esEspañol enEnglish

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies