esEspañol enEnglish


O camarón é un crustáceo decápodo de cor lixeiramente rósea translucente, pero vergoñento coma poucos pola cor bermella que se lle pon cando o cocen. Para mín é o marisco que máis rende (ó revés das minchas), porque eles pesan pero as cascas non.

Co abdomen máis longo có cefalotórax, pode chegar a ter oito centímetros de lonxitude. As femias poñen tres ou catro veces ó ano unha media de tres mil ovos que, xa exóxenos, arrastran con elas deica a ecloseón.

A pesares de non ser doado, pódense cultivar, inda que teñen o incomenente do canibalismo. A Unión Europea está a intervir no proceso comercial do camarón que se vende nela, e quere poder inspeiciona-las plantas e ter unha moi completa información. Coido que é bó.

Non teñen veda pero o seu tamaño non pode baixar dos tres centímetros. As femias, namentras non desovan, teñen os chamados “corais” coma as nécoras ou as cigalas, estremándose dos machos, entre outras cousas, polo primeiro par de patas que nelas son fíos.

Dando de lado eso de que “camarón que durme, a corrente o leva”, o certo é que resulta un bocado exquisito para os demais peixes, e sempre está pendente de enfrentárselles co pico grande e forte en que remata a súa cabeza.

O seu nome científico “Palemos serratus” dí o que é. As nécoras levan o nome de Portunus, o deus latino dos portos, e os camaróns levan o nome do deus grego, tamén dos portos, chamado Palemon que se representa de pé sobor dun golfiño e é moi amigo do deus Neptuno. A Palemon engádeselle “serratus” polo pico do camarón que é serra dun lado e doutro. O de Palemon lle ven a conto porque gosta de vivir nas pozas das rochas da costa, e por eso nelas é o intre de collelos cando o mar empeza a baixar e as descubre, ou cando sube e escomeza a enchelas. Non pode facerse coa man porque encurvándose coma un resorte da uns potentes brincos. Utilízanse, entre outros aparellos, o trueiro ou redes de malla moi fina.

Din que, coma os percebes, os camaróns ó comelos atacan á vista, porque a medida que van quedando menos na fonte, se ven máis pequenos.

Os oculistas din que o mellor é comelos un só, e aínda así…

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002
.

esEspañol enEnglish

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies