esEspañol enEnglish


– Porco, vente deitar que xa é tarde – dixo Foroneo.

– Xa vou – contestou Porco.

Foroneo foi Rei de Argos, e Porco era a súa muller.

Cun pouco de imaxinación é moito máis doado falar da muller de Foroneo que do porco galego; que de calquera porco.

Eu escomencei a escribir do noso porco. Adiviñaba que a cousa ía ser un pouco longa. E cando xa encetaba os papeis do volume trinta e dous, e perdido dezasete quilos, un bó amigo sacoume da casa a dar un paseo e me dixo:

 

– Mira, todos sabemo-lo da matanza do porco a partires do San Martiño, cando xea e a lúa ten forma de C; que é unha festa como ningunha outra e compartida cos veciños e parentes; que o porco se chama Sus scropha anque ti dis que ese é o xabarín, e que o da casa é o Sus domesticus que procede do scropha e do indicus. Chámalle como queiras, que non interesa.

-Tamén sabemos – continuou – que é un mamífero, non remoe, e é omnívoro coma ti e coma min, que ten unha grande cachucha e un fuciño para tolear de gusto coméndoo milímetro a milímetro. E, se queres, dí que ten as mans curtas que terman dos lacóns, e unhas patas, tamén curtas, que terman das nádegas, ou sexa, dos xamóns.

E rematou:

– E tódolos cazadores coñecen eso de “se o porco voara…”, porque del aprovéitase todo: solombo, raxo, xamóns, lacóns, costelas e costelar, a barbada, tudillos, pes, entreteto, espiñazo, a cacheira ou cachucha, as tripas, a lingua, riles, touciño, miolos e o unto que se afuma. Deixa eso e fala doutras cousas.

O certo é que tiña razón e, ó chegar a casa, queimei os milleiros de folios que tiña escritos. Namentras os botaba na fogueira fun lembrando algunhas cousiñas que tiña escritas.

Cerdo, cerdonis é “obreiro” en latín, pero o nome castelán ven de “cerdudo”, que xa é latín vulgar. Na China e no Xapón é doméstico dende hai centos de séculos, e é totémico para a raza celta, de xeito que os “Touros de Guisando” en Ávila, non son touros senón porcos.

Para os países árabes, palestinos e xudeus, o porco era un animal impuro. No Levítico da Biblia, o Señor lle dí a Moisés e a Aarón (o irmán) os animais que poden comer ou non. Só poden comer os que remoen e teñen a unlla fendida. Xa que logo, o porco, que non remoe, é impuro, e quen somentes o toque ten que espirse, lava-los vestidos e queda impuro “ata a tarde”. De peixes, por exemplo, somentes podían comer os que tiñan azas e escamas, así que adeus á lamprea e os meixóns. Que a cousa ía en serio o pon de manifesto que o repite, todo esto e moito máis, no Deuteronomio. Pero Isaías recoñece que de noite, e as agachadas, moitos xudeus xuntabanse para comer carne de porco que lles gostaba a rabear.

No Corán tamén se prohibe comer porco por ser impuro. Emporiso, é máis permisivo que Iahveh, porque se se come carne de porco por necesidade, e non por “contravir”, Alá é indulxente.

Todo tiña relación coa hixiene e, no caso do porco, coa triquinose que produce a trichinella spiralis. A lo menos eso din os exexetas.

E como xa me estou volvendo a liar, paro.

O porco é o porco. E abonda.

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002
.

esEspañol enEnglish

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies