O Cocido Galego é na nosa terra o prato do inverno por excelencia. É un prato sinxelamente maxistral. A crítica que se lle fai, sobor de todo por aqueles que non o cataron, é de que non se lle botan máis cousas porque non caben. Non viron o pote.

Esto é o mesmo que criticar a unha Orquesta porque ten moitos músicos, todos eles mestres nos seus instrumentos. Porque o Cocido Galego é unha auténtica sinfonía de sabores, que non se opoñen uns ós outros, senón que se axudan para constituíren, ó remate, unha obra mestra. Se ten repolo, a terneira, e a mesma galiña, lle dan forza. Se ten grelos, a terneira, e a mesma galiña, os suavizan. As patacas, coa verdura xa integrada no conxunto, e as legumes, resolven o problema ou tema principal da obra: o da graxa, que entra no noso metabolismo sen decatármonos. A directora da orquesta, a cociñeira, disfroita tamén polos esforzos que fixo para que todo cadrara.

Nos días de inverno, de choiva forte, vento e friaxe, nada diso se sinte despois de dar conta dun bó prato de Cocido Galego, coa súa costela salgada de porco, xamón ou lacón, ou ambolosdous, coa cachucha e a orella de cen tonalidades ou sabores, galiña, chourizos, patacas, unllas de porco, e coa verdura e unha legume que soe ser garabanzos.

Emporiso, o garabanzo, o Cicer Arietinum que enche pero baixa axiña, non é legume propria da nosa terra, anque foi adoptada gracias ós transportes e tendas que os poñen a man. E cando non son garabanzos, se usan os feixóns.

Nin que dicir ten que os que escorran polo vertedeiro (porque fan falla dúas persoas para darlle a volta ó pote) o caldo en que se coceron estas xoias, non merecen comelas. O caldo, requintado pola cocedura, pode usarse, e debe usarse, para facer un Caldo Galego de fantasía que saiba a caldo vello dende o primeiro día.

E non se autoriza a pedir un “consomé” agás por unha doenza.

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies