esEspañol enEnglish


congrio-02

Non hai moito tempo (agosto do 2002) vendeuse na lonxa de Ribeira un congro de trinta quilos de peso e dous metros e dezasete centímetros de lonxitude. Dende logo daba a medida legal que é de 58 centímetros. Como nota curiosa para cando pase o tempo, deixemos constancia de que se vendeu a 4,40 euros o quilo.

Aínda que deso non falaba a nova do prelo, supomos que se trataba dunha femia porque os machos non pasan de un metro e somentes as femias poden acadar unha lonxitude entre os dous e tres metros.

Para chamarlle científicamente Conger conger non fixo falla espremer moito o maxín, porque en latín o seu nome é conger, congri e se declina coma ager-agri (terceira, nomes en er).

Imos dicir que a súa carne é firme e saborosa, con moi pouca graxa, e que no prato fai as delicias de calquera. Así, no prato, é como me gosta ve-lo congro, coa súa vitamina A, o seu magnesio e potasio, con poucas calorías e doada dixestión: unha maravilla dietética.

Pero sabemos tamén que ten forma de serpe sen escamas, que sae de noite da súa cova entre as pedras para ataca-las súas presas e que debece polos calamares. Engadamos que loita sen tregoa e que ten unha boca grande chea de dentes moi agudos e fortes que poden rachar unha tanza, un aramio…ou un bocado da carne do pescador ó atacalo, ó tempo que xira sobor de si para arrincarlle un anaco de brazo ou de man.

Tamén hai que saber, para comelo, que aínda que ten moitas espiñas son doadas de quitar. Pero o seu sangue, coma a da anguía por exemplo, pode ter unha sustancia tóxica, termolábil porque perde a súa acción ós sesenta graus centígrados. Xa que logo, despois de cociñado non supón ningún perigo. E se ten algún parásito, tamén morre, porque a miudo se cita o Anisakis simplex vencellado ó congro, cando este e outros parásitos os teñen unha morea de peixes nos que tampouco teñen importancia porque estínguense ó cociñalos ou conxelalos.

O consello é que a moda de comer peixes frescos crús ou pouco cociñados sempre ten ese risco e debe evitarse. Incluso está demostrado que as larvas de Anisakis simplex resisten meses á acción do vinagre nos bacareus. Emporiso, no corpo humán non pasan de larvas sen chegar endexamáis a adultas, polo que ós poucos días, ou se cadra algunha semá, rematan morrendo e desaparecendo os síntomas alérxicos que provocan.

A freza do congro aínda non é ben coñecida.

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002
.

esEspañol enEnglish

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies