esEspañol enEnglish


As filloas galegas, de Carnaval ou das matanzas, son coma unhas tortillas moi delgadas ata o ponto de que, nalgunhas, pode aparecer algún burato. Como ninguén coñece a súa orixe, que se perde na noite dos tempos, permítome supor que as filloas, na súa composición máis sinxela de fariña e auga, que hoxe non fai ninguén, son un manxar celta. O uso da pedra quente para cociñalas (cousa que hoxe xa non se ve) axuda á idea. E así se explicaría que existan polo norte de España con distintos nomes, e cheguen á Bretaña (celta) francesa co nome de “crêpes”. As “crêpes” quentes con crema, que podían mercarse nas rúas de París, as facían bretones maiormente.

Hoxe, nas vilas e nas casas dos labregos, fanse na tixola, pero hai “filloeiras” aínda no medio rural, con ocos para facer máis dunha filloa ó mesmo tempo e, ás veces, de distinto tamaño.

Temos que ter a man un bó anaco de touciño picado cun garfo de mesa para poder unta-la tixola (ou filloeira) coa graxa, entre filloa e filloa, sen queimarnos, e o “amoado” que se verque na tixola para face-la filloa, sendo esta máis finiña ou máis grosa asegún a cantidade de amoado que se lle bote de cada xeira.

O máis importante, xa que logo, é o “amoado”, e xa falamos do máis pobre. Pero cada un fai as filloas coa súa receita propria ou herdada. Hainas de caldo, de leite, de caldo e leite, sen ou con sangue do porco (nas matanzas) e, dende logo, todas con fariña de trigo e ovos. As de leite son as máis finas e dixestivas, e as de caldo ou sangue (que sempre se rebaixa) as máis sustanciosas. A todas elas (inda que para min non fai falla) engádeselles, cando se toman de postre ou merenda e non fan de pan no xantar (que o fan moi ben), azucre, mel, crema, ou un pouquiño de augardente, botado (o que sexa) namentras se enrolan quentes.

Tamén poden se facer filloas con fariña de millo, ou cunha mestura de millo e de trigo, a partes iguais. Cando se fan con millo saen máis grosas e chámanse “freixós”.

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002
.

esEspañol enEnglish

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies