esEspañol enEnglish


Ós amorodos  chamounos Linneo “Fragaria vesca”, da familia das Rosáceas. Linneo era un namorado das propiedades dos amorodos, e cunha dieta deles sanou da podagra de que adoecía.

O de “Fragaria” ven de “fragans”, fragancia. E en verdade que os amorodos cheiran moi ben pero, ademais, os carpóforos cónicos son dunha atractiva cor bermella. E que saben ben ninguén o ignora, incluíndo os paxaros.

Trátase dunha planta vivaz, e o seu rizoma exténdese pola terra enraizando os estollos que bota e, deste xeito, se espalla. Atopáronos os Romanos nos Alpes e como lles gostaron, e tamén eran larpeiros, os levaron ó resto do Imperio. Así chegaron a nós.

Para adianta-la maduración sen chegar a usar invernadoiros, cóbrese a plantación cun delgado plástico negro cheo de buratos, por onde asoman os amorodos. O Servicio de Extensión Agraria (SEA), hai moito tempo, foi o que ensinou esta técnica (coma tantas outras) ós labregos.

Sobor dos carpóforos globosos (os amorodos) están os verdadeiros froitos da “fragaria vesca”, os aquenios, unhas nociñas que poden variar de cor asegún as variedades. Nos excrementos dos paxaros que picaron amorodos, caen á terra os aquenios (que non dixiren) pero, coa dura pel atacada no seu pasar polo tubo dixestivo das aves, poden enraizar en condicións favorables. Son os saborosos amorodos que se atopan nas paraxes frescas e terras con lentura. Dando de lado o falar dos centos de variedades de amorodos, diremos que en Galicia se obteñen máis amorodos grandes que pequenos.

En calquera caso prepáranse con eles postres deliciosos (pensen vostedes, por exemplo, o engadirlles tona), inda que sós e lavadiños, saben a gloria. Atopados no monte non se lavan. Con eles fanse, tamén, compotas e, sobor de todo, marmeladas.

Pero ademais os amorodos (que non teñen colesterol) si teñen moita vitamina C e E, e beta carotenos, que son fortes antioxidantes. E un tercio dos poucos carbohidratos que teñen (os amorodos son acedos) é fibra.

Algo bó que pode facer, por exemplo, un “fumador pasivo” é comer amorodos.

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002
.

esEspañol enEnglish

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies