esEspañol enEnglish


Non teño que dicirlles que a mazá é o froito da maceira. Xa o sabían.

Tudo o que chaman a “cornixa cantábrica” é terra de maceiras. En Galicia e en Asturias a producción non industrializada de mazás é tradicional, porque non hai horta sen maceira. En Galicia atópanse dende a beiramar ata as terras medias, e moita da mazá galega a levan en camións a Asturias para face-la sidra, nome que xa saben que significa “bebida embriagadora” e que non pode fallar no Principado. Sidra caseira podémola atopar en Galicia á beira do Eo.

A maceira é o Pirus Malus da familia das Rosáceas, e pode chegar ata os dez metros de outura. O de “Pirus” pode que lle veña da verba celta “pir” que quer dicir “pera“. Pera e mazá, ámbalas dúas, son pomos globosos con pebidas e non con carabuña. O pomo da mazá é comprimido e ten unha manchea de variedades: as Golden (Deliciosa Dourada e Bermella), Reineta, Verde Doncela, etc., e mutacións destas, e mutacións de mutacións, tantas, que cando un pensa de quen ven sendo a mazá que come, non se entende algunhas fobias que despertan os alimentos transxénicos.

O de “malus” ven do latín “malum” que significa mazá, ou tamén calquera froita redonda e grande. O ácido málico chámase así polo contido del que ten a mazá verde, inda que tamén o teñen, por exemplo, as patacas e o tabaco. (Inciso encol do tabaco: as follas do tabaco galego son dunha calidade extraordinaria e boa parte da producción galega, como tamén a de Cantabria, exportábase noutros tempos ¡a Cuba! para capa dos puros habanos).

Moitas civilizacións dende a máis remota antigüidade, consideraron as mazás coma símbolo da saúde, ata o ponto de soterralas para alimento dos mortos. Un refrán inglés, que no U.K. saben ata os nenos, di: “An apple every day keep the doctor away“. Ou sexa, que comendo unha mazá ó día botamos fóra da nosa casa ó médico.

E Don Quixote, que non chegou a transmitirno-la receita do bálsamo de Fierabrás, tamén toma a mazá coma exemplo de saúde cando lle di a Sancho: “Luego me darás a beber solos dos tragos del bálsamo que he dicho, y verasme quedar más sano que una manzana“.

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002
.

esEspañol enEnglish

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies