A chamada “queimada” non ten ningún misterio. Como o augardente ten alcohol, arde. Tamén desinfecta, xa ora, e se con el se molla moito a palleta, remata un coma un pelexo andando ás vinte uñas.

Ó augardente o axuda a arder o azucre que se lle bota, asegún poden ver na receita correspondente, acompañando ós postres. Pero esto do azucre se lle bota dende que o hai, porque nin os galegos, nin Europa enteira, tiñamos cana de azucre, e o de remolacha (que algúns chaman beterraba coma en francés) ven de cando Cuba se separóu de España.

O clásico, e moi galego cunha morea de sabores, é o mel. Pero os “especialistas” en queimadas non o usan a miudo. Emporiso, é unha queimada diferente e deliciosa. Endemais, cando se serve na cunca de barro para bebela, debe seguir ardendo nela un pouquiño.

¿E que dicir da queimada con café?. Como se fai por aí adiante, falemos dela.

Galicia non é famosa polos seus cafetais. Non hai ningún.

Emporiso, a queimada con café pode considerarse galega (e específicamente ourensá) dende o remate da década dos anos trinta do século pasado.

Aínda que a meirande parte dos españois de hoxe non naceran, ou eran entón moi noviños, como o tema é aínda unha constante nas campañas electorais (incluíndo as de “misses”) todos saben que houbo en España unha guerra civil. Pois ben, esa é a orixe da queimada con café, inventada polos galegos nos frentes da devandita guerra.

Era noite pechada. Facía friaxe. Había café de pota, azucre nun andel e, dende logo, abundante augardente.

Ademais de quentarse, os morriñentos galegos querían lembra-la súa terra e, de sócato, un combatente ourensán falou do licor café que facían na súa casa. Dende esa lembranza, a mestura-lo café de pota có augardente, o azucre e prenderlle lume foi dar un paso doado.

E non houbo outra cousa: nin tonas de limón, nin de laranxas, nin conxuros, nin nada de nada. Pero serviuse ardendo.

En Galicia os máis vellos non coñecían semellante cousa, pero a receita espallouse axiña. O dos conxuros para divertir á xente (que os máis escutulidos inventan namentras ousixenan a mestura), o dos graos de café, e díxome dixome e pataqueiradas , veu despois.

Recoñezo que dicir que a idea partiu dun ourensán é producto da miña imaxinación. Pero me xustifico porque en Ourense se fixo e fai, a nivel da casa, o mellor licor café do mundo enteiro.

¿A quén íaselle ocorrer entón?

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies