esEspañol enEnglish


O Rodaballo (do que exemplares ceibes quedan poucos) é un peixe de carne branca, calcado, sen escamas, romboidal ou cáseque redondo, que vive dende a superficie ata os cen ou cento cincuenta metros de profundidade, e que pode ser pequeno (de ración) ou chegar deica o metro de lonxitude e máis dunha ducia de kilos de peso.

Ten o fuciño un pouco en punta e, se o miramos de frente, os ollos tenos no lado esquerdo. O corpo ten tamén unha banda algo convexa, pigmentada, e outra chá que repousa sobor dos fondos areosos. Anque non ten escamas, posúe tubérculos óseos polo corpo adiante que o estrema dalgún peixe semellante que, ás veces, faise pasar por rodaballo. A súa cor é parda grisácea e os de piscifactoría son máis verdosos.

O nome científico é Psetta maxima ou Scophthalmus maximus. O nome pode ser diferente pero xa vemos que o apelido coincide en chamarlle “máximo”, e o ten ben gañado, inda que non polo que vou dicir: é o peixe máis caro nas lonxas, é o máis perseguido deica cáseque facelo desaparecer, e é o máis exquisito no prato, á plancha, cunhas pingas de limón. Por certo: non se pode comete-lo erro de menosprezar á pele (churruscada ou non) que é moi saborosa.

Os rodaballos de piscifactoría, agora que se conqueriu que non teñan carecas na pigmentación, son prácticamente iguais ós da ría ou ós de altura, a pesares dos pensos, anque o seu sabor é, xa ora, diferente. Emporiso, afagámonos a eles, que están moi ricos, porque van ser únicos dentro de poucos anos. Nestes cultivos Galicia foi a primeira e a súa producción a máis importante do mundo.

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002
.

esEspañol enEnglish

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies