Entre outros nomes, tamén se chama Peixe de San Martiño ou Peixe de San Pedro. Pode que a estes Santos lles gostase tanto coma a nós.

Pero este peixe, que pode chegar a ter sesenta centímetros e cinco quilos de peso é, segundo algúns, tan feo ou máis que o peixe sapo. Nos non estamos de acordo e para que xulguen vostedes, engadimos un pequeno dibuxo aproximado destacando as súas aletas espiñentas pero que ten unha carne, que non se ve no dibuxo, dun sabor forte especial e deleitosa. Quitada a cabeza dun destes peixes de un par de quilos, fanse con el tres ou catro rodelas (unha a da cauda, xa ora) que cociñadas á galega fan que un rexeite o coitelo e o garfo de mesa, para comelo cós dedos chupándoos despois. Esto é unha porcallada, pero todos o fixemos e facemos algunha vez. Pensen nas sardiñas asadas… con coitelo e garfo.

O samartiño ten os ollos a carón do cocote, boca protráctil para engoli-las presas con comodidade e eficacia, cor gris dourada con refrexos plata, algunhas tachas amareladas nos costados do seu corpo estreito e, en cada un deses mesmos costados, ten unha grande mácula, redonda, moura, a carón das aletas pectorais. Se non as ten non é un samartiño. Se cadra é outro peixe semellante como o Zenopsis conchifer.

Mais por feo que sexa o samartiño, o seu nome científico é Zeus faber. Xa saben vostedes que Zeus é o Supremo. Xa que logo, algo lle viu Linnaeus cando así o chamou, aínda que lle engadíu o de “faber“, obreiro e, deste xeito o nome traducido do samartiño é “Deus obreiro”.

Non sei porqué pero hai que acatalo.

Por OLAF
Publicado en lareira.net: 10/12/2002

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies