Xarda

A xarda (ou cabala) é o peixe azul chamado Scomber scombrus L. Polo nome, que en latín significa “escombro”, non paresce que se lle teña moito aprezo, o que é inxusto porque unhas xardas ó forno, cun pouco de limón despois, son moi saborosas e tamén, dende fai pouco tempo, limpas e escachadas se comen afumadas.

Abonda nos mercados dende febreiro ata o outono pero sempre se atopa algún exemplar. De inverno abandona as augas superficiais a carón da costa e vai a unha meirande profundidade, deixando de comer. Cáseque tódalas xardas, pescadas a cerco ou trasmallo, van para as conserveiras. Tamén son pezas cobizadas da pesca deportiva, indo ó curricán. Cando entran xardas pequenas, fritidas son deleitosas, pero soen usarse de engade nos palangres para coller especies máis estimadas.

A xarda é inconfundible. O seu lombo é verde-azulado, pero sempre está sulcado por bandas verticais de cor moura. Un modista deses de sona no mundo da moda, diría que a xarda ten un vestido “atigrado”. Tamén é característico dela ter, a carón das aletas caudais, cinco pínulas (falsas aletas) dorsais e outras cinco anais.

Cáseque o mesmo que a xarda scombrus é a “xarda pintada” ou “verdel“, chamada Scomber japonicus, que ademais das bandas ten pontos mouros nas costas. Tamén ten o mesmo aproveitamento.

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio