É aconsellable que as sardiñas estean moi frescas, mellor se son do día.
Sálganse con bastante sal gordo unha ou dúas horas antes de as asar, o que se fai nunha prancha sobre as brasas. Pode facerse no forno pero non quedan tan sabrosas e o cheiro que deixan en toda a casa tarda "un pouco" en se esvaecer.
Mentres, póñense a cocer as patacas moi limpas e sen pelar, cortadas en dous anacos, con auga que as cobra ata a metade, sal e unha folla de loureiro.
Cando falte pouco para que estean cocidas, escórrese a auga e rematan de facerse no forno ou a carón das brasas nun cacharro resistente á calor.
Todo pode acompañarse, tamén, duns pementos de Padrón, que lle van moi ben.