Nécora

Nécoras

O nome científico da nécora é Portunus puber ou Macropipus puber. O de Portunus lembra ó deus que tiña as chaves dos portos, porque a nécora atópase neles, e nas noites, sobor de todo cando ocorren as baixamares fondas do outono, pódense coller cun foco (quedan quetas coa luz), protexéndonos as mans cunhas luvas fortes para evitar que as mordan e botándoas nun cesto de vimbio que pode terse na i-auga coas nécoras vivas. Inda que o normal é pescalas con nasas, cebadas con peixe, fóra da época de veda, que vai dende o un de maio deica o un de outono, e deben ter un mínimo de cinco centímetros de diante atrás. O incuprimento destas disposicións é manifesto, e cada vegada hai menos nécoras e máis pequenas.

E, ó nome científico, engádese “puber” por mor dun lixeiro lanuxe que as cobre.

A nécora é máis ancha que longa, co abdome pequeno (non coma nos outros crustáceos) e ten dez patas (é un decápodo) pero as dúas primeiras son quelípodes coma, tamén o son en tódolos crustáceos superiores, e moi fortes, que lle axudan a colle-las presas. Porque as nécoras comen todo o que no se poida defender delas, incluíndo outras nécoras, e como son omnívoras, non rexeitan os releves de algas que atopan no fondo. Ó frente, entre os ollos, ten dentes, e tamén os ten nos lados, deica os quelípodes, en número de cinco, fortes, agudos, dirixidos cara adiante. A cor sepia escura que teñen as nécoras vivas, vírase a bermella coa cochura.

Trátase dun animal ovíparo, e as femias van arrastrando con elas os máis de douscentos mil ovos que poñen. As femias se estreman ben dos machos porque teñen o abdome (por onde se abren cando se empezan a comer) moito máis ancho que os machos, que o rematan en ángulo agudo.

Postos a comer nécoras (cos santiaguiños a carne quizáis máis exquisita dos crustáceos), fixádevos nelas e botádelle o ollo a unha femia coma presa e collédea (esperando que pese) sen darlle importancia, coma se fora ó chou, para non quedar mal cos outros comensais, porque as femias “en comida”, teñen o que se chaman “corais”, un aditamento bermello, de onde sae a posta, e dun sabor extraordinario. Hai que ser ben ensinado.

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio