Lura

CalamarO naturalista francés Don Xoan Bautista de Monet, Cabaleiro de Lamarck, autor da teoría transformista (eso de que “a función crea o órgano”, que despois se fixa pola herdanza) chamou á alongada Lura ou Chipirón dos mares galegos, “Loligo Vulgaris”. O de Loligo está xustificado porque era como se chamaba en latín. O de Vulgaris foi porque, da súa familia, era a especie máis común (afortunadamente), e non por demérito das súas virtudes culinarias.

Emporiso, o seu nome actual, en castelán, ten a orixe na verba “calamus”: cana ou pena para escribir. No latín vulgar o tinteiro chamábase “calamarius”, que contiña a “tincta”, feminino de “tinctus”, tinto, aludindo á cor do líquido usado para escribir. Dese “calamarius” ven o nome de calamar, por mor da bolsa de tinta que ten este cefalópodo, ademais da cuncha interna de conquilina en forma de pena de escribir. Emporiso, tinta para escribir tamén se acadaba dalgúns cogumelos coma o “Coprinus Comatus”, non pezoñento pero sen sabor, do que as hifas semellan licuarse e transformarse en tinta.

Neste decápodo, dous dos brazos, ou tentáculos, son máis longos que os outros oito (con máis ventosas que os pequenos) en parte retráctiles, e co extremo máis groso e achatado. A forma da lura é a dun saco con dúas aletas laterais, de sorte que se lle pode da-la volta cando se cociña con recheo, para non necesitar pechalos con pauciños ou fios. Como sexa que se poñan na mesa, agás crús, son exquisitos, os que mellor saben de tódolos seus conxéneres. Se non se lles saca a bolsa de tinta, esta reventa na tixola ou na ola e cáseque sempre, entón, pide arroz.

Moi perseguidas as luras, teñen (ou temos) a sorte de que as súas poboacións están compostas de moitas máis femias que machos, e que as primeiras poñen decenas de milleiros de ovos. Emporiso, nos últimos vinte anos reduciuse moito o número que nas rías entraba ás “poteras” dos pescadores. Tamén cóllense con rede, e aínda nos sitios onde hai a ferver, pódense pescar ó curricán cun aparello feito a xeito.

E non podemos rematar este comentario encol da nosa lura (de entre dez a corenta centímetros de lonxitude) sen falar da “lura xigante” que chaman “Dosidicus gigas” que figura na historia literaria dende a Odisea ata Xulio Verne. Pois din, seriamente, que existen a grandes profundidades, inda que non sexan comestibles, e que no Cantábrico recolleuse no ano 1999 un brazo de lura de cinco metros de lonxitude, o que cadraría cunha lura de máis de dez metros. Pero esto xa entra no térreo dos especialistas e sae do noso.

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio