Navalla
A navalla, irmá do longueirón ten o nome científico de “Solen ensis“. Xa que logo, pertence á familia dos “Solénidos“. Tamén, algúns tratadistas chámanlle “Ensis ensis” pero tanto ten. En galego temos unha manchea de nomes da “navalla“, pouco semellantes uns ós outros. Para min o máis divertido é “carallete” que se corresponde co portugués “canivete“, e vostedes disculpen.
A navalla é un bivalvo que ten, coma os longueiróns, forma de mango de navalla, que é como a chaman comunmente ( “ensis” quer dicir “sabre”).
A forma é a d un rectángulo alongado un pouco curvo, polo menos seis veces máis longo que ancho. A lonxitude pode sobardar os doce centímetros.
A cuncha ten finas estrías verticais e horizontais que regulan o crecemento. Nun extremo das cunchas sobresae un pe dilatable e, noutro extremo, dous sifóns coas marxes tentaculadas.
As navallas viven verticalmente nos fondos pouco profundos de area fina, en buratos que escarabellan.
Para pilla-las navallas o mellor (falo de min) é botar unhas areas de sal no burato onde xa se sabe ou sospeita que vive. Entón asómanse, e cos dedos polegar e índice collémolas e tiramos delas cara arriba sen rachalas pero con firmeza. Tamén poden se coller metendo un aramio curvado e atacando a navallaspor abaixo. Ó senti-lo aramio as cunchas o apretan e deste xeito é doado sacalas da area. Tamén existe o can de navallas.
A súa carne é gorentosa, mellor cá dos longueiróns, e tamén rexa. Pódense comer crúas e en conserva.
© OLAF – 10 de Decembro de 2002