Sardiña

Sardina

A sardiña xa morreu
e fórona soterrar,
vintecinco palanquíns
un crego e un sancristán.

Co enterro da sardiña rematan as festas do Carnaval, antes da ríxida Cuaresma. As cancións de despedida son variadas, e a posta enriba foi elexida ó chou. Hoxe non teñen xa o propósito anticlerical que tiñan noutros tempos. É un día de festa máis.

Pero o que temos que dicir é que a nosa sardiña, o peixe máis azul, chámase cientificamente “Sardina pilchardus”. Hai outras, algunhas delas moi abundosas nos cardumes do Novo Mundo. De momento, é en Galicia, co xurelo, o sustento da flota de cerco de baixura. Non sería bó que a esgotaran, ás veces con dinamita, coma outras especies.

Están “en comida” por San Xoán (“por San Xoán a sardiña pringa o pan”) e cando son pequenas, antes de medrar, chámanse “parrochas” ou “xoubas” asegún os peiraos. Collede unhas xoubas e lavádeas un pouco, entón fritideas sen máis e, sen máis, cada unha é un bocado. Non hai que escoller nada nelas, non se destraga nada, agás o volume que terían se as deixáramos chegar a sardiñas, que poden atinxiren deica vintecinco centímetros de lonxitude (un por cada palanquín). A lonxitude mínima fixada é de 11 centímetros. Se pescan de noite, e se non están para comer en fresco, van camiño das conserveiras.

SardinaA sardiña é un peixe gregario que se mantén dos pequenos seres do plancto, e das larvas e ovos doutros peixes. Chega a carón da costa nos meses quentes, cintilando nas noites de lúa chea coma un grande almadraque de moedas de plata. Pero de inverno vai ás augas máis profundas, e non é doado para os barcos chegar ó tope de medidas permitido.

Para Julio Camba, o humorista galego de Vilanova de Arousa (autor de “La casa de Lúculo o el arte de comer”) non hai peixe coma a sardiña. Asadas ás brasas, ou con cachelos, un sinte que está vivo.

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio