Bica

BicaDicir “bica” (que en castelán pode traducirse por “besa”) non é unha orde que se lle dea a un rapaz que estea a carón dunha rapaza, pero así se chama en galego unha seleita e deliciosa lambetada (inda que o rapaz prefera a primeira) e tamén outras cousas máis coma, por exemplo, un xogo de nenos.

Imos referirnos ó que o dicionario de D. Eladio Rodríguez González pon como primeira acepción de “bica”: “Torta de fariña cocida no forno. Cando é de fariña de millo chámase tamén “fanchón”.

Bicas facíanse hai moito tempo cando, rematada-las bolas, resolvían o problema da falla de pan deica a inmediata fornada. Chamábanlles entón “bolos do lar”.

Como á xente gostáballe aquela masa fermentada e arranxada, fóronse engadindo cousas á bica, coma ovos batidos, manteiga, azucre, canela, etc., deica transformala nunha lambetada que é o que hoxe chámase “bica”, torta moi fina que se vende nas pastelarías.

Tódolos anos celébrase unha Festa da Bica na Pobra de Trives, provincia de Ourense, o último domingo de xuño. Pero a orixe da “bica” foi en Castrocaldelas onde, xa ora, séguese a facer. A “Bica” espallouse por tódalas vilas e cidades de Galicia, e é doado atopala nunha confitaría, e mesmo nalgunhas boas panaderías cando diversifican a súa oferta ó público.

Xa saben o que teñen que facer cando pasen pola estrada C-536, en Ourense. A Pobra de Trives e Castrocaldelas están nela a tiro de pedra, e segundo o sentido no que vaian, nun sitio mercan unha bica para vostedes (xa poden probala alí mesmo) e, no seguinte, mercan outra para facer un agasallo.

Fáganme caso, que o mesmo ocurre en Astorga coas mantecadas.

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio