Cigala
A “cigala”, que en Galicia chámase tamén nalgures “langostiño”, é o que Linneo bautizou co nome de “Nephrops Norvegicus“. O nome alude a que ten os ollos rileformes, ou sexa, en forma de riles, e o apelido a que foi atopada en Noruega, e alí estudada, por primeira vez.
De ata 25 centímetros de lonxitude a cigala é un decápodo, abundoso en Galicia (pero xa comeza a recriarse en piscifactorías) da familia do bogavante que é o rei dos astácidos. O corpo da cigala é alongado, cunha compresión dorsoventral, e cun par de patas dianteiras que son quelípodes grandes dabondo e dabondo feros para as súas presas que atopa nos fondos de algas nos que gosta vivir, e que xustifica a súa pesca polos arrastreiros.
Carne branca e consistente, o bon comedor estrema doadamente as femias dos machos. Non hai máis que mirarlles o pleon aplanado e fixarse no primeiro par de apéndices que ten xunto ó cefalotórax: se son coma fíos é unha cigala femia, se teñen dureza trátase dun macho. Lóxicamente só as femias, denantes da posta, teñen os chamados “corais”. Bocado exquisito. Na carne non se diferencian as unhas dos outros.
© OLAF – 10 de Decembro de 2002