Mel de Galicia (I.X.P.)

Defínese coma mel a sustancia visguenta, amarelada e moi doce (a máis de posuír outras propiedades extraordinarias e, inclusive, medicinais) que producen as abellas, transformando no seu estómago o néctar que extraen das flores, e volvéndoo pola boca para encher con el os favos, formando panais, para que sirva de mantenza ás súas crías.

Estes favos están formados de cera que é unha sustancia sólida, branda, amarelada que secretan as abellas. A cera utilízase, nomeadamente, para facer candelas, e non é unha produción exclusiva das abellas.

En Galicia atópanse cobos dende o nivel do mar ata os mil metros, o que supón que de non homoxeneizala industrialmente, atópense unhas moi variadas clases artesanais de mel, tanto mellores canto menos expostas estean a temperaturas altas, que non son frecuentes en Galicia.

O noso mel é exquisitamente doce e endexamáis lle falla o recendo a flor. Por outra banda, a sua cor marela é máis ou menos intensa asegún sexa o lugar onde estea situado o apiario. Como é natural, as súas características dependen das flores nas que as abellas liban o néctar. E non hai que esquecer que aínda que poidan voar tres quilómetros, convén que atopen a súa mantenza a un quilómetro, ou pouco máis, dada a pequena cárrega que transportan, o que lles obriga a facer un sen número de viaxes.

En Galicia atópanse as abellas cunha grande cantidade de flores silvestres, e cultivadas non tratadas con pesticidas. Tamén, á súa grande superficie de monte cuberto de toxeiras, piñeiros, abedugos, alcolitos, carballos ou cerqueiros, noceiras, carqueixas, xestas, debemos engadir unha grande cantidade de romeu, alfacema, espiño, tomiño, cabazas, morangos, maceiras, pereiras, cerdeiras e froitais en xeral, chícharos, fabas, feixóns, lotus, millo, nabos, mentas, trebos, vides, silvas e amoreiras en tódolos camiños e, inclusive, orquídeas ananas coas que din máis dunha vez.

Todo o proceso de extración e envasillado, que se perfecciona constantemente, faise con extremado coidado e á temperatura ambiente, merecendo o título de “Indicación Xeográfica Protexida”.

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio