Prebes
Coma en cáseque tódalas partes do mundo (ou a lo menos naquelas onde teñan algo que comer) fanse en Galicia os chamados “prebes“, “pebres“, ou “mollos” (coma se nomean tamén en portugués) ou, sinxelamente, “salsas” tradicionais.
Para nós, xa que logo, os prebes sonvos adubos líquidos, feitos especialmente a partiren de herbas tradicionais que atopamos na nosa terra, asegún sexa o carácter do prato ás que engadiranse denantes ou despois de cociñado.
As salsas máis comúns son universais de abondo. Citemos do milleiro longo que temos rexistrado, a mahonesa, bearnesa, ali-oli, vinagreta, tártara, bechamel, carbonara, española, de tomate, e do que vostedes queiran. Emporiso, teñen a súa especificidade por zonas xeográficas: europeas (como as que vimos de citar), ou mexicanas, ou árabes, arxentinas, etc., e algunhas delas son somentes locais. Tamén difiren no xeito de servilas.
En Galicia pasa cos nosos prebes coma co mel, no que a singularidade do polen, fai que sexa (co o do norde de Portugal) un dos mellores do mundo. A mesma receita dun prebe, feito coas plantas da nosa flora autóctona, danos un sabor distinto. Para uns será mellor e para outros non, pero xa se di que para gostos se pintan cores.
Enténdese que da-las receitas de cada un dos prebes usados ou que poidan usarse na cociña é practicamente imposible e, quizáis inútil.
No que se refire a Galicia hai moitos anos que os nosos prebes máis importantes, feitos coas nosas “cousas”, sen engadirlles conservante ningún agás, xa ora, o vinagre, están comercializados e poden atoparse tamén fóra das nosas “fronteiras” en determinados establecementos. Coido que a primeira aparición comercial foi en Sada, da provincia de A Coruña, e chega ós trinta anos ou se aproxima, co logotipo O’PREVE que amosamos por xentileza da empresa, ademais dun surtido das súas salsas. Se comprende que como prebe é unha verba común de todos nós, apareza nos productos do mercado a verba do logotipo cun “V” en troques dun “B” para poder patenta-la marca.
Adoben un churrasco co prebe axeitado, e despois falamos.
© OLAF – 10 de Decembro de 2002