Lacón gallego (I.X.P.)

A falar antropoloxicamente, os lacóns son os brazos dos porcos, ou sexa, as súas extremidades dianteiras, unha vez que pasan o proceso de curado. E como o lacón ten concedida a Indicación Xeográfica Protexida en toda Galicia, xa o Regulamento establece as particulares condicións de mantenza dos porcos, elaboración, curado, etc. que han te-los lacóns para seren considerados como galegos. Tamén establece as razas dos porcos: Celta, Large White, Landrace, Duroc e os seus cruzamentos, e os cruzamentos destes porcos cos doutras dúas razas.

O devandito Regulamento estrema entre o “lacón galego”, cando o cocho pode comer e come pensos autorizados e controlados, e o “lacón galego tradicional” de porcos criados á maneira “de sempre”, en domesticidade total.

A carne e a graxa dos lacóns son abundantes (poden chegar a pesar 5,5 kg.), saborosas e arrecenden con suavidade. Pásalles un pouco o que ó fuciño: que non teñen un sabor, senón sabores. Iso débese á fariña de maíz e ó farelo, ás patacas e ás landras dos carballos que ceban o porco dende o mes da Nosa Señora.

Na cría tradicional non sempre os animais están pechados no cortello, senón que cada día se “botan os porcos”, abríndolles a porta para que saian ó ar, a comer e a emborcallarse nas pozas.

Os lacóns máis estimados, coma os xamóns, son do interior de Galicia: Sarria, Vilalba, Monforte, Lalín, Ribeiro de Avia e algunhas outras localidades, levan a sona.

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio