Lagosta

Falando deste crustáceo, coma de calquera outro, ou do marisco en xeral, os nomes casteláns son, cáseque sempre, os mesmos que os galegos, ou moi parellos. Por exemplo, a lagosta.

A lagosta galega, das augas limpas do Atlántico, é o palinurus vulgaris ou elephas pero, xa ora, a lagosta non se pode pedir así nun restaurante.

O seu caparazón é cilíndrico e provisto de fortes saíntes transformados en duras espiñas. A lagosta “de ración” ten uns trinta centímetros, e menos de vinte non está autorizada a súa pesca, pero poden chegaren ó medio metro sen perderen a exquisitez da súa carne. A cor é castaña con tachas marelas.

Os machos diferéncianse das femias (coma nas cigalas, por exemplo) porque neles as patas torácicas rematan en cadansúa unlla, pero nas femias o último par de patas ten coma dos fíos. Ademáis teñen a cabeza máis estreita e a cola máis ancha.

Teñen, moi próximos na parte frontal, dous apéndices fortes, entre os cales teñen o que se pode chamar cara, e ollos pedunculados. Están provistas de dous pares de antenas. As do primeiro par, escomezando por riba, son pequenas, curtas e forquilladas. As antenas do outro par, cara fóra do anterior, teñen un longo pedúnculo, groso e forte en primeiro, e espiñoso na serie de artellos nas que rematan, chegando a seren máis longas que o corpo do animal.

Atópanse especies semellantes, como a lagosta moura e a verde pero, en calquera caso é o marisco máis caro. Vive para abaixo dos vinte metros, e a máis de douscentos no inverno. Se pescan con nasas especiais ou ben con redes langosteiras, e se crían ou engordan en cetáreas, polo que poden atoparse fóra da época de veda que vai do un de setembro ó un de xuño.

Consúmense en fresco, ou conxeladas, e xa cocidas e cortadas en lascas se acompañan de mahonesa ou vinagreta. Tamén se poden facer en caldeirada, que ten moita sona nas Rías Baixas.

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio