Pementos de Arnoia
Os pementos de Arnoia, co de Padrón, son os pementos galegos por excelencia. Todos eles son “capsicum annuum”, pero as variedades e os seus sabores son enteiramente distintos.
Os pementos de Arnoia son dunha cor verde clara e grandeiros, de sorte que a súa vocación culinaria é diferente ós de Padrón. O seu sabor é exquisito e suave, sen sorpresas de exemplares picóns.
Polo seu tamaño, aínda que poden acompañar, asados pelados ou fritidos, a calquera prato, admiten rechealos con diversas misturas, e mesmo cun só roducto. A mín góstanme, por exemplo asados, pelados cando enfrían, recheos de pulpo (estilo feira) e rebozados. Despois, con forno ou aceite quente, os poñen a ponto os cociñeiros.
Pola sona dos de Padrón, os pementos de Arnoia foron pouco coñecidos. Para darse ben necesitan o clima morno que disfroitan as dúas beiras do río Arnoia que atravesa o concello.
Unha cooperativa escomezou a comercializalos no ano 1969, e aproveitando a concentración da oferta, celébrase dende entón a Festa do Pemento de Arnoia o primeiro fin de semana (de xoves a domingo) do mes da Nosa Señora.
Milleiros de persoas xa se dan cita alí para saborea-los pementos e divertirse catro días.
Porque en Arnoia non somentes hai pementos.
© OLAF – 10 de Decembro de 2002