Queixo de Arzúa-Ulloa (D.O.P.)

Queixo de Arzúa-UlloaNalgures chámase “Patela” ó queixo de Arzúa-Ulloa, pero como “Queixo de Arzúa-Ulloa” desinao a Orde do Goberno galego de Outono do ano 1995 que lle concedeu a Denominación de Orixe.

Este queixo, de forma lenticular ou cilíndrica, é tan característico da nosa terra que fóra dela chámanlle “queixo galego”.

Ás veces, ó queixo de Tetilla chámanlle, tamén, queixo galego , pero sempre engaden “de Tetilla”. Como a denominación deste último abrangue toda Galicia, convén sinalar os concellos onde se fai o queixo de Ulloa, co leite que se produce neles, crú ou pasteurizado, e a maduración tamén feita nas mesmas localidades.

Estes concellos son: Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Curtis, Frades, Melide, Mesía, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar na provincia de A Coruña. E, na de Lugo: Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Friol, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín e Taboada.

Emporiso, eu teño atopado un queixo semellante nalgunha aldea do norte da provincia de Pontevedra.

O queixo de Arzúa-Ulloa curado é un queixo graxo e suave, de codia fina, marela e elástica, e pasta branca ou marela, anque esvaecéndose un pouco esta cor cara ó centro do queixo.

Nas granxas, que somentes usan o leite que producen na súa explotación, a coallada envólvese nun pano branco onde se escorre, molda e comprime lixeiramente antes de escomenza-la maduración que, nelas, é moi curta. Queixo moi brando e cremoso.

Tanto o curado coma o de granxa (e o que se fai somentes con leite pasteurizado), ten un claro sabor a manteiga, e apreciase lixeiramente salgado e acedo. Pero non interesa: saben a gloria.

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio