Troita

TruchaCando no verán o ceo se cobre de nubes chumbas que agoiran un treboeiro, denantes de chover as troitas tolean, e o caneiro non guinda lonxe os engades que utilice, porque os voraces peixes morden o anzó na mesma ourela onde el se atopa. Entón é cando un ten que lembra-la lei que fixa o número de troitas que se poden levar ó cesto. Pasar por un deses momentos de conte-la cobiza de sentir unha e outra vez o breque estremelante da picada, fai a un máis home ou máis muller. Súase.

A troita, ou Salmo trutta, é o peixe por excelencia da Galicia interior, estremándose dos outros pola súa esbelteza e a pequena aza dorsal, escura, que ten a carón da cauda.

Tamén temos, dende fins do século dezanove, a troita arcoiris que foi importada de América e que se aclimatou moi ben entre nós. Hoxe non se podería facer esta importación por mor do sacrosanto respeto ambientalista, que non ecoloxista. O certo é que esta troita vive en augas máis tranquilas que a común (lagoas, por exemplo) e, cando pode vai cara ó mar porque tamén góstanlle as augas un pouco salgadas.

Se limpa a troita para fritila con unto, pero deixándolle a súa forte cabeza que, ben pasadiña, cómese crepitando na boca.

Afeitos á carne, ós galegos do interior, cos que vostede pode atoparse se vai por calquera dos Camiños de Santiago que pode ollar aquí mesmo, góstalles moito o peixe. Velaí por qué a troita ten unha morea de festas e festixolos en toda Galicia, aínda que o goberno non deixa pescalas no río por mor do límite de capturas, o que non ten nada que ver coa saúde porque ninguén, que eu saiba, morreu dunha enchente de troitas. Xa que logo, as troitas da festa son de piscifactoría.

Se cadra, o unto, graxa animal, é menos aconsellable, a falar dietéticamente, que o aceite de oliva pola cousa dos ácidos graxos saturados.

Pero por un día ó ano…

© OLAF – 10 de Decembro de 2002

Scroll ao inicio