Viños da Ribeira Sacra (D.O.)
Os viños da Ribeira Sacra son un Producto Galego de Orixe e posúen un Consello Regulador.
O Consello Regulador divide a Ribeira Sacra en cinco subzonas e, en cada unha delas os viños, tanto brancos coma tintos, teñen as súas peculiaridades. Abrangue parroquias de dezasete concellos ó longo do Miño (incluíndo parte do seu curso en Lugo) e ó longo do Sil.
Á Ribeira Sacra pertence, por exemplo, o viño de Amandi que, asegún din, era levado en odres para regalo dos Emperadores romanos. Tamén se contan nela os viños chantadinos, coas cepas prantadas nas terrazas penduradas dos montes, feitas de pedra noutros tempos, e recheas de terra. Nalgún caso o viño se facía, obrigadamente, nun caseto no mesmo viñedo.
Tamén son salientables os viños de Quiroga, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil. As cepas dos viños brancos son das variedades Godello (xa citado), Albariño, Loureira, Treixadura, Dona Branca e Torrontés. Os tintos son de uvas de Mencía, Brancellao e Merenzao. O Consello Regulador ten autorizadas outras cepas, pero as devanditas son as preferentes.
A variedade Mencía é a mais cultivada como monovarietal. Son viños do ano de cor da guinda, coa xusta acedume e aroma afroitado.
© OLAF – 12 de Decembro de 2002