Casa Ruso de Ons

Casa Ruso - PoloXa temos falado desta casa de comidas noutra ocasión, pero hoxe facémolo con motivo da despedida deste restaurante tan partícular, dos que cada vez quedan menos en Galicia. Para min, váisenos un grande, un sitio para levar a amigos, non fallar, e saborear o que era a comida dos domingos das nosas avoas.

No lugar de Ons, en Brión, ten a súa casa Pepita, que comezou co negocio familiar desde moi nova, unha tenda de comestibles, que antes rexentaran os seus pais. Como sinalan en Infobrión, a Pepita gustáballe moito a cociña “e aprendeu moitas receitas da súa nai. Sabe moitas e recoñece que ten moi boa man para algunhas delas. Toda esta sabedoría foi herdada xa do seu avó materno que emigrado en Venezuela estivo traballando como mestre de cociña nun hotel. Unhas das súas preferidas son o polo e a carne asada”.

Para quen non o coñeza, o lugar sorprende porque, logo de acceder pola tenda, sentannos a comer no propio comedor familiar. Pero iso non impide que o servizo de Manolo, con moitos anos de voo na hostalería santiaguesa, estea á altura do mellor servizo de calquera restaurante. Poñédelle os garfos que queirades!

Casa Ruso ten sona no inverno fundamentalmente polo cocido que prepara, do que xa temos falado pero, como despedida, hoxe imos disfrutar dun dos pratos dos que lle gusta preparar a Pepita, o polo de curral, ou como dí ela, polo da casa, unha experiencia gastronómica certamente suculenta. Pepita prepara todas as receitas con moito agarimo e, o que é fundamental, coa mellor materia prima xa que axudada por Manolo, o seu home, cría na súa casa animais para o autoconsumo e tamén unha boa cantidade de verduras e legumes.

Esta última vez foi absolutamente xenial. Antes de poñernos co prato estrela, imos deleitarnos cos primeiros, que na casa chaman aperitivos. Os preferidos por nós son os ovos encapotados, as croquetas variadas (de grelos, marisco, xamón, de cocido… ), e unhas empanadillas fritas exquisitas…

O polo póñeno na mesa en fontes pequenas. Isto non quere dicir que sexa escaso, pois na cociña prefiren estar repoñendo as fontes as veces que sexa necesario para que a comida estea sempre quente. As pezas caracterízanse por unha carne escura, que acreditan que o polo é da casa, e acompáñanse dunhas pataquiñas amarelas que son pura manteca!

E para rematar, postres variados que para nada desmerecen ao anterior. Cada vez que vimos, temos a precaución de “suxerirlle” a Pepita que nos prepare leite frito, que o fai de mil amores e para nós é o postre estrela. Acompáñao a  torta de mazá, filloas con mel ou crema, tarta de queixo… o que axuda a ter unha sobremesa moi pracenteira e de vagar.
Casa Ruso de Ons
Todo isto é posible polo trato e atención que teñen os dous protagonistas do asunto: Pepita e Manolo, que están pendentes en todo momento de que non falte nada, e que estea todo no seu punto cando chegue á mesa.

Coma sempre, xa na sobremesa, Pepita achégase a saudarnos e logo de bicos e aplausos, non ten ningún reparo en transmitirnos a súa receita do polo de curral.

O fundamental é dispor dun bo exemplar, duns tres kg, e poñelo a adubar de véspera con aceite, allo, pirixel e viño branco.

Ao día seguinte, sácase do adubo e márcase na tixola. Vaise apartando para unha tarteira, onde se acabará de preparar, xunto con cebola, pemento verde e vermello, e un pouco de tomate. Regámolo con brandy e viño branco; engádese un pouco de auga, e a cocer vagorosamente, vagorosamente.
Unha vez feito, hai que darlle un “golpe” de forno e, mentres, na tarteira onde se fixo o polo, hai que pasar a salsa pola batedora e, unha vez diluído todo, aí é onde se farán as deliciosas pataquiñas amarelas redondas.

Finalmente, xúntase todo na fonte do forno e dáselle o toque de forno. Adornámolo cuns pementos morróns e á mesa!

Abandonamos Casa Ruso cun sentimento contraditorio. Felices por ter disfrutando dun xantar caseiro, pero un pouco tristes porque xa non imos poder seguir vindo a esta casa pois a partir de xullo pecha a actividade por xubilación, sabedores de que nestes fogóns de Ons, pechan moitas horas de potas dunha comida cariñosa e caseira. Canto o imos botar de menos!

A verdade que o paso á nova etapa é moi merecida, pois leva dende nena traballando. Moitos parabéns e moitas grazas!

2 comentarios en “Casa Ruso de Ons

  1. Non coñezo o lugar, pero comparto a tristeza de ver como pechan cada vez máis lugares coma este. Cando cheguei a Vigo fiquei encantado coa cantidade de bares, tabernas e casas de comidas onde comer sen a pretenciosidade desa modernidade cómica sen criterio que ofrecen os novos locais do Casco Vello. O cocido de La Parra, o peixe fritido do Turista, os viños no Eligio… Somos unha especia en vías de extinción, pero extingámonos cunha cunca de viño na man e unha xouba na outra!

    • Tés razón Rodrigo, unha mágoa que vaian desaparecendo estes sitios tan auténticos e non haxa relevo xeracional… e hai que reivindicar o viño do Ribeiro en taza!
      Unha aperta

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lareiras.gal utiliza cookies propias y de terceros con fines estadísticos. Si continúa navegando, entendemos que acepta su uso según nuestra Política de privacidad y cookies.

Lareiras.gal utiliza cookies propias e de terceiros con fins estatísticos. Se continúa navegando, entendemos que acepta o seu uso según a nosa Política de privacidade e cookies.

Lareiras.gal uses its own and third-party cookies for statistical purposes. If you continue browsing, we understand that you accept its use according to our Privacy and Cookies Policy.

ACEPTAR
Aviso de cookies