Lumbrigante
Os galegos chamamos Lumbrigante, ou Lubrigante, ó Homarus vulgaris ou Homarus gammarus; e tamén chamámoslle Lubricante, coma en Cantabria.
O uso do nome castelán Bogavante é, tamén, moi común en toda Galicia.
A súa carne maciza, sabrosa, e que sempre abonda dentro do seu caparazón subcilíndrico fai chorar ás almas sensibles como a miña.
Non se sabe o que é mellor: o lumbrigante ou a langosta. Emporiso, o mellor, asegún me dixo un experto cociñeiro mariñán, é non falar diso e comer dos dous.
O que, dende logo, ten o lumbrigante, é dúas antenas tan longas coma o corpo (que pode chegar a ter unha lonxitude de máis de 50 centímetros) e catro anténulas moi curtas. Tamén ten catro pares de patas torácicas que pouco valen: as dúas posteriores rematadas en uñas, e as dúas dianteiras nunhas pequenas quelíceras. Pero, diante deste corpo ten as primeiras patas torácicas, enormes nos espécimes desenrolados, que teñen dúas quelíceras desiguais e moi fortes. Desas dúas pezas, a menos grosa ten unha pinza con dentes finos e ataca con grande celeridade.
Viven e comen de noite (coma o polbo) a carón da costa ata profundidades moderadas.
Entendan que se non nos preocupamos máis da súa bioloxía e morfoloxía é porque o noso interese é cáseque exclusivamente de presentación culinaria.
Ó saborea-lo lumbrigante, a bioloxía desaparece.
© OLAF – 10 de Decembro de 2002